sexta-feira, 15 de julho de 2011

Natalia Valinho, do Diário de Ferrol, entrevistou-nos para dar a conhecer o Festival

Reproduzimos a entrevista publicada ontem no Diario de Ferrol com o companheiro Bruno Lopes Teixeiro, da comissom organizadora do XI Festival da Terra e da Língua.

O aspecto reivindicativo é o ingrediente que diferencia o Festival da Terra e da Lingua doutras festas estivais da comarca. Un matiz que non perde nesta undécima edición que arrincará mañá no Muiño de Pedroso, en Narón, e no que os seus organizadores pretenden denunciar o papel dos grandes medios de comunicación ao servizo do capital e do poder. “Un dos inimigos dos movementos sociais e da liberdade de expresión é o imperio mediático. Os grandes medios de comunicación se caracterizan por manter unha liña editorial dictada polo grande capital e no noso caso tamén pola imposición lingüística”, indica Bruno Lópes membro da Fundación Artabria organizadora do festival, quen recorda que actualmente tan só un xornal en Galicia escríbese en galego, Novas da Galiza, e que precisamente este convidado a esta edición.

Un tema que será abordado na mesa de debate programada para este sábado a partires das 19.30 horas e no que intervirán profesionais do Diário Liberdade, Galizacontrainfo, Rádio Filispim ademáis do mencionado Novas da Galiza. Xa dende mañá a música será outra das grandes protagonistas deste festival que nesta edición traerá a Pedroso a música punk-rock de Nhió!, Sacha na Horta, Residuos Atractivas e Eina.
“Normalmente o principal criterio na elección dos grupos e que sexan galegos e canten na nosa lingua; e a poder ser os que veñan de fóra de Galicia que canten na súa lingua materna. No caso desta edición o único grupo que vén de fóra son os Eina de Vilafranca do Penedês que antes eran os Inadaptados e que teñen unha traxectoria de máis de doce anos de música comprometida e reivindicativa, cun claro contido antifascista, independentista catalán e feminista”, indica .

Participación

Un dos obxectivos desta edición é acadar, senón superar, as cotas de participación de anos pasados. “No 2010 con Lamatumbá estiveron en Pedroso un millar de persoas e o obxectivo será volver a congregalas”, sinalou Bruno Lópes. “O feito de que Narón non teña este ano festas patronais por mor da crise, fan do Festival da Terra e da Lingua e do Oenach Atlántico os pratos fortes das festas no municipio o que pode contribuír a que este ano veña máis xente”, vaticinou.

A crise tampouco permaneceu allea ao Festival da Terra e da Lingua que este ano contou cun orzamento inferior a outras edicións. “No 80% o festival está financiado polo traballo autoxestionado da Fundación Artabria, co que se vende no balcón do festival, venda de rifas ou o material editado. Ademáis o Concello da una subvención que este ano viuse reducida á metade, 3.000 euros, e logo o sindicato CIG si fai una aportación importante”, indicou. A eles agradece a súa plena disposición para colaborar con Artabria todos estes anos. Asi mesmo a Fundación solicita publicidade ao pequeño comercio de Narón e Ferrol no que tamén se viron afectados no número de anunciantes “ben porque moitos comercios pecharon ou non están neste ano na disponibilidade económica de facer a aportación que outros anos fixeron”, salienta.

Trabas aparte, a undécima edición do Festival da Terra e da Lingua arrinca mañá en Pedroso nunha xornada que terá na música a súa protagonista. Xa o sábado as actividades darán comezo cara o mediodía cunha exposición fotográfica pero tamén haberá campionatos de fútbol e billarda, recitais poéticos e debate. O pregón correrá este ano a cargo do xornalista de Diario de Ferrol, Nicolás Vidal, que contará coa colaboración do músico ferrolá Roger de Flor e o Marqués das Vinhas. Para botar o peche a este evento máis música da man dos grupos Arenga, Die Tsunami, Chotokoeu e Dios ke te Crew.